Monday 06 de May de 2024

Acordo para un plan dirixido á reactivación da economía de Ribeira fronte á pandemia


As axudas a sectores afectados superarán amplamente o millón de €

 

Na súa comparecencia diaria para dar conta dos asuntos tratados na Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19, o alcalde Manuel Ruiz anunciou o acordo alcanzado nunha reunión posterior celebrada esta mañá entre todos os grupos políticos con representación municipal que quixeron estar presentes coa fin de desenvolver un plan destinado á reactivación da economía de Ribeira fronte aos efectos da pandemia e do Estado de Alarma.

“Poden saber nestes momentos os nosos veciños e comerciantes que grazas á vontade dos grupos expresados nese acordo, as axudas produtivas e non produtivas para o comercio, a hostalería e os sectores afectados van a superar amplamente o millón de euros”, manifestou Ruiz Rivas, quen explicou que logo de consensuar as cifras macro os traballos continuarán a través dunha Comisión de Seguimento coa fin de concretar “a letra pequena”.

Ruiz Rivas agradeceu publicamente a boa vontade dos grupos presentes (BNG, PSOE, Suma Ribeira e PP) á hora de intentar “cos números na man” chegar ao máximo das posibilidades deste Concello para achegarlles solucións aos veciños.

Comisión
No que se refire á Comisión propiamente dita, hoxe se deu conta da conclusión do reparto domiciliario de mascarillas e da entrega de novo material de protección ao comercio (50 máscaras de protección e 12 mamparas distribuídas a través da Asociación de Empresarios).

Tamén se informou de que os cemiterios municipais de Palmeira e Ribeira abrirán as súas portas a partir do luns 11 de maio e se aprobou a suspensión do proceso de contratación dos campamentos de conciliación de verán á espera de coñecer baixo que condicións e criterios se van poder celebrar este tipo de iniciativas na época en cuestión.

Feirantes
Tamén se acordou que, coa fin de axudar a un dos principais colectivos prexudicados pola pandemia como son os feirantes, se lles autorice a ocupar gratuitamente espazos públicos municipais —como poderían ser García Bayón, Malecón, Praza de España ou Heroínas de Sálvora, segundo se valore no seu momento— establecendo este mesmo beneficio a outras clases de ocupación como por exemplo o chiringuito de Coroso.

A este respecto, recordouse que o Concello foi pioneiro en prever a posibilidade de que a hostalería poida ampliar o uso de espazo público municipal con cadeiras e mesas, e que non se lle vai cobrar este tributo durante o presente ano.